top of page

Sesión 0 (cero). Primeiro contacto Aventura - Grupo. Guía de grupo e xogo. Galego

Actualizado: 27 mar 2022

A sesión cero realízase previamente a unha partida como primeiro contacto coa campaña/aventura ou incluso co rol.


O obxectivo é resolver as dúbidas que poida haber e situar a grupo e máster na "mesma liña", é dicir, posta en común de espectativas, normas, límites, organización e preparación de fichas ou trasfondos...


A sesión cero variará de acordo a cada grupo e aventura polo que aquí que dará un listado de aspectos a tocar potenciais pero cada caso pode requerir unhas e non outras de acordo ó sistema, idades, ambientación...


A orde que se indica a continuación non é relevante.





⚙️ Sistema


Resumo, exemplos e aclaracións de dúbidas sobre o sistema.


Aquí paréceme importante transmitir o sistema de modo relaxado e sen presións, se o sistema ten moitas normas especialmente.


Dar indicacións básicas ou por riba, do modo máis simple posible, deixando claro que igualmente se irán familiarizando ó xogar e destacando algún pequeno punto que deban ter en conta na toma inicial de decisións. Por exemplo, se escollen conxuros que teñan en conta que teñen certos requisitos ou se collen certa clase pode supoñer algún problema en certos lugares da ambientación, etc.



📝 Creación de ficha


Dar as indicacións, pasos e recursos para poder facer a ficha. Se son moi sinxelas poden facerse na propia sesión cero, se é máis complexa pode facerse a estrutura e deixarlles uns días para que as revisen con calma, tomen as súas decisións e consulten dúbidas. Poden poñerse límites nas opcións das personaxes como por exemplo que defendan o ben, teñan que ser todas ananas que tratan de fuxir da cidade e polo tanto teñen unha razón pola que as buscan...


Aquí recordar considerar o equipo, diñeiro inicial...


Por exemplo, no caso de D&D5e, fago un repaso xeral das clases, razas, trasfondos e comento que hai máis das básicas, o reparto de puntos e facemos un exemplo de ficha xa con modelo de ficha ou aplicación no momento que logo poderán revisar con calma.


Comentar o prazo que teñen para completar os trasfondos se hai e dar exemplos de cómo poderían inspirarse para crealos.



🤝 Relacións


Poden establecerse as relacións do grupo de entrada entre si ou con NPCs ou a propia ambientación ou tramas da información que teñan.


No meu caso, nese punto só digo que "se queren" poden coñecerse de antes e o traten entre as persoas interesadas, salvo que todo o grupo se coñeza entre si (nunca me pasou xD), para que o resto poidan descubrilo en partida e non sabelo de antes. Son bastante tiquismiquis co tema destripar información (spoilers).



🍃 Ambientación - Aventura


Situar más ou menos a aventura: fantasía medieval, ano no que ocorre, artefactos/tecnoloxías existentes, seres existentes superiores, crenzas, deidades, culturas presentes así como tramas políticas ou de opresión sociais que haxa nese mundo para que poidan telo en conta e escoller clase social ou outros aspectos tendo en conta ónde xogarán.



✔️ Modo de dirección


Informar un pouco sobre o sistema de dirección, por se non encaixase con alguén da mesa, por exemplo estilo narrativo, táctico, normas que modifica.


Eu neste caso fixen unha entrada "resumindo" un pouco o meu estilo e normas caseiras e pode axudar para facerse unha idea dalgúns puntos que poderían terse en conta.



⚠️ Alertas de Contido e Mecanismos de Seguridade


Informar de qué temas delicados poden aparecer (crimes, racismo...), consultar ou animar a xente a contactaren coa máster en público ou privado para facerlle saber temas que a persoa non estaría a gusto de tratar, lle son delicados por experiencias propias ou ten fobias (abusos, arañas...).


En relación a isto e aínda que se tomen as medidas para tratar axeitadamente eses temas ou evitalos será importante sobre todo en aventuras nas que se traten temas violentos, dar a coñecer recursos e mecanismos de seguridade que haberá nas partidas. Deixo aquí un enlace con algo de información dos Mecanismos de Seguridade mentres non fago unha entrada propia sobre o tema. Tamén sería interesante ter en conta o bleeding e bleedout e avisar de que hai que ter coidado coa transferencia de emocións e que, de darse, sería axeitado falalo e que non teñan problemas en comunicalo.



📋 Organización/Planificación


Estipular a frecuencia estimada de partidas e horario, así cómo se será, ónde e se hai que levar algo ou se o grupo ten que asumir algunha responsabilidade. Por exemplo, facer quendas para anotar o acontecido na última sesión.


Tamén pode tratarse aquí cómo se actuará cando unha persoa non poida asistir, o grupo mínimo co que se seguirá aventura, se se ofrecerán alternativas eses días, etc.


Ás veces, antes dunha campaña, pode ser interesante xogar unha partida curta para coñecer ó grupo. Deixo por aquí un listado de repositorios para atopar aventura curtas gratis de diferentes sistemas, por se alguén tivera interese. Deste modo pode verse se se é compatible co grupo nunha soa sesión ou en poucas sen ter que atopar con esa situación nunha campaña a moito máis longo prazo.



🗂️ Recursos


Facilitar e indicar os recursos a empregar nas partidas, estás tamén se citan no modo de dirección. Hai un listado de recursos aínda que enfocado a másteres que algúns tamén serán a compartir co grupo como a plataforma de comunicación (Discord), rexistro de fichas (PDF ou plataforma como Nivel20), enlaces onde poden atopar información, aplicacións de apoio para o grupo ou concretas para as personaxes que escolleron.



📎 Completar información


Nalgunha aventura tiña dúbidas sobre sucesos aleatorios cos que o grupo comezaría, por exemplo un obxecto co que podería comezar ou incluso unha tirada que é posible que teñan que facer, imaxinade de cordura na primeira sesión pero que nese momento cortará a narración e, como caso quizais excepcional, deixar as tiradas feitas neste momento para xa preparar a seguinte partida tendo esa información en conta sen que saiban porqué eran as tiradas pero sen negarlles a súa tirada lexítima.



🔐 Preparación Oculta - Máster


Para a sesión cero, eu teño organizada unha páxina en Notion cos puntos a tratar de modo esquemático e xa podo ir enlazando aí a información que vai xurdindo.


Tamén pode sen necesario ter preparados os enlaces ou certa información e incluso decisións que deben tomarse ou deixarse ó chou e que fagan as tiradas nesta sesión para poder organizar o resto da campaña coa información recibida.


Importante pensar en qué información podemos precisar e ter lista a organización, por exemplo no meu caso creo unha canle privada para cada personaxe no servidor de Discord da partida e tela lista para compartirlles información que vaian precisando como datos particulares dalgunha habilidade súa ou información de lore pola cultura da súa personaxe, etc.





24 visualizaciones0 comentarios
bottom of page