Contexto
Tiven tempadas anos atrás nos que escribía tanto en prosa como poesía, esta última sobre todo para liberar emocións. Teño algunhas gardadas e xa que aí non fan nada, animeime a compartila por se alguén podería gustar dalgunha delas.
A única que teño pasada a ordenador é a seguinte, a última que escribín e o fixen para un concurso que, por suposto, non gañei.
Compártoa pero obviamente mantendo autoría e reservando os dereitos de uso (por se acaso xD), pero vaia, preguntade que probablemente diga que si, se se obrase a milagre de que a alguén lle interesase.
Se alguén a emprega como semente ou inspiración para algunha aventura ou outra creación, informádeme que seguramente me faga moita ilusión!!
..Renacer..
Así é a realidade, sen nada que expresar:
existe un gran baleiro nas ondas do mar.
Pero ese baleiro, por fin se vai ocupar,
coma un berce, as ondas o están a arrolar.
Un meniño nunha cesta, afunde sen máis
A súa nai na beira, nunca volverá respirar.
¿Quén se fará cargo do cativo, se non é o mar?
Vai á deriva sen medo, sen nin sequera chorar.
Unhas mans o recollen, elas vano coidar,
¿son doces sereas ou acaso as poutas do mar?
Tan só é un pobre meniño que quere medrar,
tivo un duro principio e quere cambiar o seu final.
Aprendeu na natureza cómo sobrevivir:
Cazaba, pescaba, construía e aprendía,
Tiña que vixiar, olfactear, escoitar e sentir.
Así era como tiña que dirixir a súa vida.
Sempre era todo igual, día tras día,
¿Qué máis pedir? Era completa harmonía;
Pero dentro de si unha gran curiosidade crecía:
¿Quén era el? ¿Qué facía naquela illa?
Ó mesmo ritmo que el medraba,
Tamén o facía a súa pesada carga.
Pronto chegaría a data sinalada.
Como se fose cousa de profecías,
os animais da illa o rodearon;
pois se achegaba o gran día,
i entre todos conseguiron guialo.
Ó noroeste da illa, un claro,
No claro, un halo algo estraño.
Nunca se fixara ata ese día,
Pero algo poderoso o atraía.
El non entendía nin querería saber,
Se soubera evitaría continuar.
Todo o que el quería era entender,
O porqué da súa vida pouco usual.
Un oco na terra, estreito e profundo,
era o sinal para cambiar o seu mundo.
Anicouse nel, pero non topou resposta
Non temía a ida, senón a posible volta.
Aínda que era a hora, que era o día...
El non se sentía realmente preparado.
Sabía que ese momento chegaría,
Mais non era como el tivera soñado.
Temía non poder alegrarse da súa vida,
¿e se era mellor vivir sen saber?
¿podería seguir a vivir unha mentira?
Era tarde, non se podía render.
Volveu atrás e paseou por toda a illa,
Mais non, non pretendía fuxir
Era, ó seu modo, unha despedida,
Era inevitable ter que partir.
Nervioso, situado fronte ó claro
Colleu aire e iniciou o paso.
Esa zona cambiara na illa,
Non entendía qué sucedía.
As sensacións eran opostas:
Temor, mágoa, curiosidade...
Debía gardar as súas costas,
e sacar a súa forza de vontade.
Había un oco no centro do claro,
Nel unhas longas escaleiras descendían.
Non dubidou máis dun anaco,
Pronto sabería a ónde conducían.
A medida que baixaba,
desaparecía a súa bravura;
había demasiada calma,
todo era unha loucura.
Tras horas de descenso,
Conseguiu alcanzar o fondo,
Aínda que se sentía cego
E cheo de asombro.
Pareceulle ver unha pantasma,
E viuse na necesidade dunha arma.
Rebuscou polo chan sen fortuna,
O único que topou foi unha pluma.
Tivo que saír desa cova,
Agora sabía cómo prepararse,
Conseguiu o que precisaba fóra,
Con qué ver e con qué armarse,
Un facho e unha dura soga.
Fóra tivo a oportunidade de ver,
Con máis detalle a pluma misteriosa,
Pero descoñecía o seu proceder,
Nin porqué estaría nesa fosa.
En realidade, el non sabía qué era,
Nin sequera sabía para qué servía,
Estaba limpa, e a súa cor branca relucía,
Podería usala se coñecera as letras.
Gardouna aínda sen entendelo,
Sentía que coñecía o seu cheiro,
removía algo nos seus adentros,
o seu corpo sería ó seu abeiro.
Tras iso volveu á realidade,
Recordou o ocorrido neses días,
Decidiu darse tempo de marxe,
Antes de volver, se prepararía.
Adestrou durante uns días,
Practicou incesante coa corda,
Ata dominala con gran mestría,
e poder sentirse seguro na cova.
Coñecía como lanzala firme,
Para poder ascender por ela,
Podería botar o lazo a un lince,
E crear trampas para feras.
Aínda tiña temores, algo normal
Pois enfrontábase ó descoñecido
a unha realidade, quizais fatal
pero todo estaba xa decidido.
Armouse e infundiuse valor,
Achegouse á entrada
E despediuse do sol
E da súa antiga morada.
Volveu sentir a escuridade,
As dúbidas e o medo.
Pero tiña que sacar coraxe
E permanecer atento.
Cada paso era máis pesado,
seu movemento máis lento.
Non se sentía a salvo,
Senón próximo un alento.
Sentiu que non estaba só,
Había algo que se ocultaba.
Apertábao na súa gorxa un nó
E tamén o temor da súa alma.
Aínda dubidando decidiu,
E así, xirouse de repente
Pero só foi a nada o que viu
¿inventárao a súa mente?
Foi grazas ó facho que vía,
Pois a escuridade só crecía.
Tamén aumentaba o frío
Xa non aguantaba erguido.
Deu aparentemente cun bo sitio,
E como puido deitouse,
Ata que pronto quedou durmido.
Para el, o día apagouse.
Mentres o rapaciño durmía,
Unha sombra se achegaba.
Viuno e acariciou a súa cara,
Un sinal de que aínda o quería.
Era unha figura feminina,
Estaba alerta e intranquila.
se el lixeiramente se movía
ela rapidamente fuxiría.
Espertou só e confuso,
Ergueuse xa máis espelido
E avanzou sen rumbo,
Detrás do seu destino.
Non podía ver demasiado
¿Cal sería a profundidade da cova?
¿E se estivera equivocado?
Non, debía seguir naquela zona.
Pronto notou que algo ía mal,
A cova comezouse a iluminar:
¡Lume! ¿Como podía arder aquilo?
Debería desandar o camiño.
O rapaz tivo que volver atrás,
Preto da entrada descansou,
Alí era quen de respirar,
E podía pensar no que pasou.
Volvería, de novo ó lugar,
Desta vez sería precavido,
Sabendo qué podía topar,
Iso fora o primeiro aviso.
Sabía que había alguén oculto;
Iso non fixera máis ca confirmalo.
Agora debería ser moi astuto
De modo que puidera atrapalo.
Avanzou de novo, confiado,
Volveu ó punto do incendio.
O lume xa estaba apagado.
Desta vez non sería necio.
Estaba moi atento a todo,
menos ó seu suave camiñar.
así unha pedra, deu en golpear
Xerando un gran estrondo.
Asustouse co seu balbordo,
Pero non só debeu ser a el,
De novo, volveu aparecer fogo
Nesta ocasión finxiu correr.
Lanzou unha pedra pesada,
Dirixida á entrada da cova,
Simulando que cara aí camiñaba,
E apertou forte a soga.
Sentiu pasos preto de si,
O lume de novo se apagaba,
Pero o fume se espallaba,
Non podería seguir moito aí.
Tapou a cara coas mans,
Non quería respirar ese aire,
Non, non se podía desmaiar,
Perdería a súa quenda de baile.
Agora tocáballe a el mover peza,
Tiña que ser prudente pero rápido.
Aquela persoa viuno ó xirar a cabeza
E, áxil e audaz, fuxiu coma un raio.
Non podía crer o que ocorrera,
Víranse ós ollos e algo sentira,
Aquela figura parecía serena,
Naqueles ollos non había ira.
Cando cavilaba sobre o sucedido,
Un calafrío percorríao enteiro,
O seu rostro semellaba desfeito,
E o seu corpo fráxil e aterecido.
Descoñecía a súa identidade,
Pero non estaba nada asustado,
Sentíase con maior seguridade:
Quen fora non lle faría dano.
Soubo que só quería escorrentalo,
Gustaríalle falar con esa persoa
Quizais coñecía algo do seu pasado,
¿Por qué viviría nesa fría cova?
El tratou de seguila como puido,
Foi tras os pasos da súa fuga.
Sabía que el era o verdadeiro intruso;
Pero anhelaba a súa axuda.
Cada paso máis que avanzaba,
Miles de ideas ían á súa cabeza,
E con elas un plan maquinaba;
Tería que executalo con destreza.
Reflexionou sobre as súas armas,
Considerou as súas habilidades.
Tiña que facelo evitando danala,
E logo conseguir que lle falase.
Pisou firme, e cravouse no chan,
Non podía ver case nada,
Guiouse polo que podía escoitar,
E agarrou a corda na man.
Alzouna e axitouna no aire,
Trataba de non quitarlle ollo,
Lanzouna con gran velocidade
Pero caeu solitaria sobre o solo.
Debía argallar algo máis complexo,
Debía preparar unha trampa axeitada.
Sabía que para iso precisaría tempo
Pero tiña que conseguir atrapala.
Pronto tivo que correr apurado,
grandes pedras lanzadas contra el;
remataron por pecharlle o paso,
de modo que tivo que volver.
Unha vez seguro, lonxe de perigo,
Buscou un lugar no que descansar,
Verificou que non estaba ferido,
E púxose a pensar en cómo gañar.
A medida que se ía tranquilizando,
Na súa cabeza unha idea ía xurdindo.
Aínda que estaba canso e atordado,
O certo é que era un rapaz moi listo.
Na súa cabeza xa tiña un plan,
Tiña que poñelo en práctica
Dese modo podería comprobar,
Se era unha axeitada táctica.
Con todo o ocorrido estaba canso,
Decidiu retrasar a inevitable cazaría,
Buscou un lugar no que estar a salvo,
E tentou soñar co que mañá ocorrería.
Do mesmo modo que a última vez,
Aquela feminina figura acudiu a el,
Non se achegou por completo,
Pero observou ó neno ben preto.
O rapaz soñaba que por fin a atrapaba,
Pero de pronto converteuse el en presa.
Ergueuse exaltado polo soño que tivera,
E ó abrir os ollos viu como fuxía a humana.
Todo acaba de tornar de modo inesperado,
O anterior plan que tiña escollido sería alterado,
Co que vira, esculpira unha nova e mellor idea:
A atraparía á noite, merecería a pena a espera.
Durante o día camiñou, finxindo buscala,
Fixábase en cada rocha, en cada oco e saínte.
En realidade buscaba un lugar para a trampa,
E precisaba un enganche nun alto, ben firme.
Sentíase perseguido e iso o alegraba,
Ela o tiña vixiado, así como el a ela,
Para organizar todo debía despistala,
Así que buscou con qué entretela.
Buscou a parede máis iluminada,
Finxiu estudala atentamente,
E rexistrou nela unhas marcas,
E así o fixo noutras adxacentes.
Afastouse lentamente e disimulando,
Como se non fixera nin pasara nada.
Unha vez lonxe, viuna na zona asexando,
Ela estaría un anaco alí centrada.
Agora tiña que ser silencioso e precavido,
Ela seguía sen fuxir da súa mirada,
Colocou unha manta con paus e parecidos,
De modo que parecera unha cama.
O resto do tempo, repetiu o procedemento,
Facía marcas nas paredes máis iluminadas,
E logo aumentaba o tamaño da súa “manta”,
Parecía non poder perder nada de tempo.
Todo comezou a deterse ó caer a fría noite,
Achegouse ás marcas como verificando algo,
Logo dirixiuse ó manto e deitouse a un lado,
Nese momento entraba en xogo a súa sorte.
Pechou os ollos e tratou de non durmirse,
Agardou horas, sabía que ela estaría preto,
Comezou a preguntarse se facía o correcto,
Pero era demasiado tarde para arrepentirse.
Agardaba a que ela se achegara,
Pero finalmente, caeu durmido
Mais en realidade non descansaba,
Pois estaba demasiado intranquilo.
A muller presentouse dubitativa,
¿Por qué as marcas nas paredes?
¿Estaría nese manto máis quente?
Non comprendía qué pretendía.
Foi moi silenciosa ó achegarse,
Tratou de sortear os escombros
Sen perder de vista aqueles ollos.
No fondo non quería que marchase.
O mirou con gran amor e afecto,
Acariciou con calma o seu rostro,
Desexou apertalo no seu peito,
Pero el non aceptaría un monstro.
Sentía unha man na súa cara,
Tiñan a pel curtida e danada.
Debía ocultar que espertara,
Aínda non podía asustala.
Deixara preto o facho prendido,
Era accesible á súa man dereita.
Gozou en silencio daquel cariño,
controlando as ganas de vela.
Quizais cando a atrapara,
Ela xa non o acariñaría máis,
Anhelaba que esa fora súa nai,
Pero entón, ¿por qué o evitaba?
Non podía deixarse seducir,
Derrotaría a sensación de pracer,
Sen un segundo máis que perder,
finalmente os ollos deu en abrir.
Ela asustouse e comezou a correr,
Tratou de suxeitala á vez que ó facho,
A muller logrou zafarse da man del,
E só puido afastarse máis un anaco.
El discerniu grazas á luz do facho,
Ónde pisaban os pés descalzos,
Cando estivo no lugar axeitado,
Non fixo máis ca tirar do lazo.
Coa axuda do facho e da soga,
Conseguira tela como prisioneira,
Por fin o lograra pero ¿e agora?
¿Cómo reaccionaría ante ela?
Iluminouna para vela mellor,
Ela sentíase molesta coa luz,
Nos ollos sentía unha leve dor,
Eran dunha preciosa cor azul.
Negábase a que lle mirara a cara,
Tiña estraños vultos e cavidades,
Realmente estaba desfigurada,
Así que respectou a súa intimidade.
Estaba asustada e temerosa,
Non podería fuxir estando atada,
Así que afastou o facho da súa cara,
E achegoulle a súa man afectuosa.
Quixo devolverlle as mostras de cariño,
Xa sentira con ela ese forte sentimento.
Tratou de tranquilizala por un momento,
E logo preguntou por todo o seu camiño.
Quería saber quén era ela realmente,
Cómo chegara e qué facía nesa cova,
Se sabía algo da súa propia historia,
ou algunha información pertinente.
Ela sabía que xa nunca a deixaría,
Non volvería permitirlle escapar
Obrigaríaa como fose a falar,
Daríalle a explicación que merecía.
Ela era moi intelixente e sabia,
Coñecía a aquel neno e o amaba,
A pesares do que sentía, da súa rabia,
A partires de agora mantería a calma.
Tiña que dar resposta ó rapaz,
El devecía por escoitar a verdade.
Colleu forzas e pensou en narrar
Aquela historia chea de crueldade.
Ela sabía todo o que el debería,
Coñecía perfectamente quén era,
Pero tamén ela mesma predicía,
Que el non podería entendela.
Mentres ela o coidara,
Tratou de ensinarlle a falar,
Só palabras simples acadara,
Sería clara ó tentar explicar.
Ela só lle puido relatar:
“Ocorreu algo moi feo,
Encheuse de cinza o ceo.
Todos tivemos que marchar.
Na carreira por escapar,
A min déronme en golpear.
Grazas á túa nai púidenme salvar,
Pero eu non a fun quen de axudar.
Ela morreu e ti quedaches sen nai,
Eu non podía deixarte alí sen máis.
O meu rostro desfigurado,
Non merece estar ó teu lado.
Por iso ó comezares a crecer
Eu tívenme que esconder.
Todo o que podes ver no meu rostro,
Non foi un casual e fatal accidente
En realidade, tamén mantén o recordo
Da miña culpa, por danar á xente.
Trateite de coidar por amor,
E porque me tiña que perdoar,
A verdade non a podo negar,
Eu quería calmar a miña dor”.
Nunca podería darlle a coñecer,
Dende palabras simples e claras,
O que realmente dera en ocorrer,
Era unha historia moi complicada.
<< O que el non nunca sabería
É que aquela danada muller
Só con homes convivira na illa.
E a todos tivera que satisfacer.
Fora unha noite cálida e clara
Ela aflixida subiu á maior cima,
Para rematar coa súa ferida,
Rematando, a súa vida, aforcada.
Sempre vivira asustada,
Sendo obxecto dos homes,
Sempre embarazada.
Só co recordo xa sofre.
Non puido levar a cabo o plan:
Ela non merecía ese final.
Non fora ela quen errara,
non buscaría a súa eterna calma.
Os homes causaran o dano,
Foran os homes os que fixeran mal.
Coñecerían da súa feminina man,
O odio que foran xerando.
Xa só vivía para vingarse,
Preparara toda a carnizaría,
Tiña lista a primeira fase,
A segunda a descoñecía.
Asegurouse de rodear a aldea,
De pólas, terra, ocos e pedras.
Pronto deu paso a gran fogueira.
Na que arderían as penas.
Todo home coñecido por ela,
E todo fillo e filla que tivera,
Obtivera a paz derradeira.
Iso era o que ela quixera.
Os que non morreron,
A buscaron sen cesar.
Case sen poder respirar,
Conta dela deron.
A golpearon sen parar,
coas súas últimas forzas;
A chegaron a desfigurar:
Cambiaran as tornas.
Todos marcharon do lugar
crendo que non volvería respirar.
Os homes non tardarían en morrer,
Débiles e sen qué comer.
Ela tampouco tiña folgos,
E ademais estaba embarazada,
Ou así era había pouco,
Perdera o pequeno que levaba.
Deixábase morrer sen loitar,
Pero alguén a veu chamar:
Unha das súas fillas maiores,
Foi coidala e reducir as dores.
Ela sufrira o seu mesmo trato
Por iso entendeu o sucedido,
E aceptou as perdas de bo grao,
Mais lamentaba os seus destinos.
O cabo dos días sentíase mellor,
Se saber que, súa filla embarazada,
Non se coidara i enfermara,
E ademais fuxiu coa súa dor.
Buscouna durante días sen final,
Ata que deu co seu corpo frío.
Preto dela, na beira do mar
Había un bebé desprotexido.
O único que agora realmente tiña,
Era precioso i era o seu neto,
Pero non sabía se el a perdoaría.
Aleitouno e coidouno todo tempo.
El ía medrando i ela temía o seu fado,
¿tería que ocultarlle o acontecido?
¿temería o seu rostro desfigurado?
Foino abandonando ante o perigo.
Ocultouse no bosque,
Dende a distancia o vixiou,
Ata que se fixo forte,
I ela, ó fin tranquila, se retirou. >>
“Meu pequeno, quizais queiras saber,
Quen, verdadeiramente, eu son:
A túa nai morta, é a miña filla maior,
Eu son a túa avoa, meu amor.”
O neno estaba sorprendido,
Non daba creto ó que oía,
Con iso non quedaba convencido,
Algo no corazón lle doía.
“Ti escolliches a miña vida,
Cándo coidarme ou abandonarme,
Preferiches darme soidade,
¿cres que iso era o que eu quería?”
A muller, xa maior non quería oír,
Ela o quixera protexer do mundo e dela,
Só lle daba a vida que ela ´quixera vivir:
Unha vida calma, tranquila e serena.
Desculpouse co seu neto,
Confesoulle o seu gran amor,
Recoñeceu o seu erro,
E todo o dixo de corazón.
Agora ela podería vivir feliz,
Xunto ó seu valente neto
Lonxe da súa vida gris;
Naquel lugar deserto.
A súa recuperada avoa foille ensinando,
Era un rapaz listo e tiña moito interese,
A súa fala e vocabulario, rápido melloraron,
Tamén ler i escribir, logrou que aprendese.
A medida que perfeccionaba a lingua,
A súa avoa máis lle confesaba do que ocorrera,
Por fin estaba a comprender a súa vida,
Co seu perdón, ela sentíase como se renacera.
O seu rostro danado e deformado a limitaba,
Así non quería saír da illa nin coñecer xente,
Pero ela non podería coidalo eternamente,
Nin podería evitar que a curiosidade o guiara.
Ela comezou a facer estrañas excursións,
En ocasións desaparecía case todo o día,
Explicaba que debía descansar por ser maior,
Fíxolle xurar que non a seguiría.
A muller envellecía e perdía forzas,
Mentres el cada día era máis forte,
Sabía que se achegaba a súa hora,
El merecía seguir tras a súa morte.
O seu neto xa non era un meniño,
Estábase facendo xa un home,
E debería dar á súa vida sentido,
O seu inicio, sería darse un nome.
Agora que podían conversar,
Agora que xa se comprendían,
Ela chamouno para pensar,
O nome axeitado ¿cal sería?
Finalmente, ambos acordaron,
O mellor nome sería o da súa filla,
A abnegada nai que tanto quería,
Así honrarían o seu final nefasto.
Recibiría, pasado ó masculino,
o nome da súa defunta nai,
quen vivira un duro destino,
e loitara con forza ata o final.
Notaba o cariño do seu neto,
Era máis do que ela agardaría,
E ansiaba poder agradecerllo,
Ela tiña moi claro, que así sería.
O seu neto nada pedía,
Simplemente a apoiaba,
Nin sequera preguntaba,
Só despedila pretendía.
Finalmente sucedeu,
A súa avoa morreu,
Xa non tiña a ninguén,
A soidade volvería a el.
Cando recolleu o frío corpo,
Viu caer unha carta das súas mans,
Atrapouna antes de chegar ó solo,
¿teríalle ela algo que confesar?
Preparoulle un digno funeral,
Enterrouna e chorou a súa perda,
Deixoulle flores entre as herbas,
E ó comezo íaa de cotío visitar.
Foi posteriormente cando abriu a carta,
Agardaba non descubrir nada negativo,
Quería, no seu recordo, sempre amala,
Pero non tiña relación, falaba dun río.
O escrito que súa avoa lle deixara,
Falaba de seguir o curso do río,
El non era quen de entender aquilo.
Alí, dicía, tería o que ela lle negara.
Sacou a pluma que certo día topara,
Sempre llo ocultara á súa familiar.
Deixoulle un escrito co que honrala.
E afastouse desconsolado do lugar.
Preparouse para a súa marcha,
Aceptaría o desexo da súa avoa,
Despediuse dela, e tamén da cova,
E comezou a súa longa andada.
Mentres avanzaba, xogaba coa pluma,
Ata que deu en fixarse no que nela puña,
Era o nome dunha fermosa dama,
¿sería a pluma da súa nai amada?
Nunca conseguiría saber a resposta,
Pero preferiu crer que era dela,
A gardaría para non esquecela,
Nin a ela, nin á súa sufrida avoa.
Finalmente chegou ó lugar indicado,
Puido divisar unha fermosa rapaza,
Ela lle dixo que o estaba agardando,
Era o que a súa avoa, con ela acordara.
A coñecera había pouco tempo,
E se presentara a toda a aldea,
Sabía que o acollerían no seu seo,
Tiñan unha cultura serena.
Nas súas fuxidas buscara pobos,
Ese era o que para el elixira,
Non volvería estar só de novo
E podería ter unha vida tranquila.
A rapaza era moi amable,
Estaba disposta a agardalo,
Ía todos os días sen descanso,
Para dar fin á súa viaxe.
Grazas ó sacrificio de dúas damas,
Cunha dura vida, e aínda así abnegadas,
El conseguira ter realmente unha vida,
Xamais, endexamais o esquecería.
Unha pequena se pode percibir entre as ondas do mar.
Súa nai a arrola con gran tenrura, con todo o seu cariño,
E abraza ó pai, seu home; que noutrora era o meniño.
Así pode cambiar a realidade, xa hai algo que expresar.
Komentáře